Saturday 18 de May de 2024

A Xunta aposta pola autonomía e a coordinación como claves para o bo funcionamento da cooperación española


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda participou na inauguración do ‘IX Encontro de Comunidades Autónomas e Cooperación para o Desenvolvemento’

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou a autonomía e a coordinación como claves do éxito e do bo funcionamento da cooperación española.

Durante a inauguración do IX Encontro de Comunidades Autónomas e Cooperación para o Desenvolvemento, que se celebran hoxe e mañá en Santiago, o vicepresidente valorou a importancia desta cita, como foro de debate e reflexión sobre a cooperación descentralizada española, buscando vías de coordinación e complementariedade nas accións das distintas autonomías e formular propostas de traballo conxunto.

Alfonso Rueda, que estivo acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, e Corina Porro, presidenta do Consello Económico e Social, tamén recordou que en Galicia contamos co III Plan Director 2014-2017, unha auténtica folla de ruta que guía as actuacións da Xunta nesta materia e que establece unha filosofía de cooperación que se debe manter no futuro. Neste sentido, sinalou a necesidade actual de maximizar o impacto dos orzamentos, de ser máis eficaces na xestión dos fondos de cooperación e aproveitar ata o último céntimo, o cal pasa pola especialización, a transparencia, un elevado nivel de execución orzamentaria e a solvencia financeira.

O vicepresidente puxo en valor o labor que desenvolven as ONGDS, auténticos socios estratéxicos, que teñen demostrada a súa profesionalidade, experiencia e capacidade de interlocución coa sociedade. Un traballo que, segundo indicou, ten aínda mellores resultados cando é conxunto, como sucede co Convenio para a Programación Conxunta en materia de Acción Humanitaria, asinado o pasado ano entre Aecid e varias das comunidades hoxe presentes.

Espazos de debate
Estes encontros xurdiron como espazos de debate e reflexión da cooperación descentralizada española co fin de buscar canles para una maior coordinación e complementariedade das accións de desenvolvemento das distintas administracións autonómicas e para formular propostas de traballo conxunto.

As anteriores edicións deste Encontros foron organizadas polas Comunidades Autónomas de Aragón, Estremadura, Illas Baleares, Navarra, País Vasco e Cataluña, Castela A Mancha e Madrid.